Grupo Scout ILEX 695

Grupo Scout laico en Ourense

Unhas Felices Festas … de exploración

orientacion3

As festas do Nadal son datas para pasar en familia, descansar un pouco dos estudos e pasalo ben e … que mellor maneira hai de pasalo ben que irse de campamento? Así o viron 17 lobetos/as, 12 tropeiros/as e 3 rovers que entre o 26 e o 29 de decembro protagonizaron o campamento que fixemos en conxunto co Grupo Scout 19 Ferrol. En 4 días fíxose de todo, de todo menos aborrecerse, por suposto. De novo Vilar de Ordelles e seu albergue municipal, que o Concello de Esgos nos cedeu para esta ocasión, foi a base das nosas aventuras nas magníficas paisaxes da Ribeira Sacra da que forma parte. Benvidos as festas da exploración!

Xa antes de comer comezamos coas presentacións. Moita xente nova, pero moito tempo para coñecerse. Despois, aproveitando o bo tempo, xa quedamos a comer no exterior. Unha vez rematamos, comezamos as actividades separados por seccións.

Manda

A manda comezou a súa andaina con algúns xogos de presentación para coñecernos ben cos novos amigos e amigas que viñan do Ferrol e comezar a verdadeira aventura da Manda. Adentráronse no máxico mundo do “Libro das Terras Virxes” tendo que rescatar a unha dos Vellos Lobos, xa que este fora secuestrado polos Monos Bandar-Log. Para atopalo, lobetos e lobetas tiveron que adestrar as súas habilidades. En primeiro lugar, Akela ensínalles a afinar o seu olfacto e poder así seguirlle o rastro. Despois traballaron en equipo para axudar a Baloo a arranxar os apuntes desmontados para a súa instrución. Tamén houbo probas físicas, orquestadas polo mestre Bagheera, onde tiveron que completar un circuíto baixo o ataque dos monos Bandar-Log. Por último, demostraron que son tan áxiles como Kaa mediante o xogo do pirata sentado. Unha vez estiveron preparados, puideron saír na busca do vella loba, que foi rescatada. Bo traballo!

Despois da merenda coñeceron e entenderon a Lei da Manda e as máximas de Baloo, que son as bases de conducta que debe de observar calquera lobeto/a. Debateron sobre o significado da Lei da Manda e, a continuación, facendo un alarde de creatividade, debuxaron e explicaron o que para eles representa cada unha destas máximas.

Para finalizar o día, xa despois de cear, a actividade da noite consistiu nun xogo de asexo onde tiveron que agudizar todos os sentidos e agocharse moi ben para o que pandara non o descubrira.

actividades-manda4

O día seguinte a manda comezou cun taller de pistas no que aprenderon a seguir correctamente diferentes indicacións nos camiños, e tamén a marcalas para outra xente. Deste xeito, dividíronse en 2 grupos e cada un deseñou un xogo de pistas para o outro. Para finalizar, cada grupo realizou o reto que se lle propoñía, demostrando o seu coñecemento das pistas.

Pola tarde xogaron ao famoso xogo do scoutball. Ao rematar devoraron a merenda coma verdadeiras crías de lobo tras o esforzo. Despois tocou o momento da ducha para quitar o suor da actividade, xa que aínda que sexan lobetos/as, non teñen que cheirar como tal! Tamén se lle adicou un tempo a ordenar a “toba” e as súas pertenzas. Para finalizar a tarde, os vellos lobos déronlle aos grupos diversos ingredientes para que cada un elaborara a súa apócema; tras as súas creacións, os vellos lobos déronlle un toque segredo para que cambiaran de cor, dando así un cor azul para a poción da alegría, cor verde para o elixir da xuventude e cor vermella para o espantar de bichos e insectos. Por último, os grupos escribiron a receita e fixeron un anuncio co obxectivo de conquistar ao durísimo xurado, formado polos rovers do grupo de Ferrol, que lles ía valorar as súas apócemas. Este xurado deu como gañadora a… Poción da alegría! Porque quen non quere ser alegre? E estes son moi novos para preocuparse da xuventude, e moi scouts para preocuparse dos bichos.

A velada da noite foi un pequeno xogo, xa que facía moito frío e non se aguantaba moito tempo no exterior: nenas e nenos uníronse con brazos e pes mentres os Vellos Lobos se afanaban en sacar unha por unha desa maraña de personiñas ata que non quedara ninguén enredado. Non foi nada doado, xa que estes pequechos e pequechas eran moi pertinaces e moi resistentes ás cóxegas.

actividades-manda2

O terceiro día, refuxiámonos da choiva no local social que a asociación de veciños e veciñas de Vilar de Ordelles nos cedeu amablemente, e onde fixemos moitos xogos e cancións. Trala froita da media mañá, Akela contou a historia de como Mowgli apareceu na selva e foi aceptado na Manda; e despois, exame sorpresa!. Montáronse dous equipos e comezou un concurso de preguntas para ver quen lembraba máis detalles da vida deste pequeno salvaxe.

Xa pola tarde a chuvia escampou e a manda foi correr nun prado próximo, entreténdose con  diferentes xogos para aproveitar o día e facer un pouco de exercicio. Trala merenda comezou o momento de preparar o lume de campamento da última noite, consistente en diversas actividades alegres e divertidas preparadas polos diversos grupos que integran o campamento.

actividades-manda3

Tropa

A tropa, pola súa parte, tamén comezou con algún xogos de presentación para despois repartirse en dúas “patrullas”, que é como chamamos aos grupos que forman esta sección. Aínda que non é nada novo para os scouts do 19, foi unha boa oportunidade para os nosos rapaces e rapazas para comezar a introducirse nestas particularidades da Tropa scout. O sistema de patrullas é fundamental para a tropa, outorgándolle responsabilidades a cada scout e fomentando o traballo en equipo. Como o Grupo Scout 19 Ferrol xa ten formadas as súas patrullas, Búfalos e Ardillas, os nosos mozos e mozas integráronse estupendamente e baixo o cargo de Roi e Adri, seus respectivos guías.

Para comezar as actividades, o primeiro obxectivo foi adestrar as capacidades de busca e rastrexo. Para elo, ambas patrullas, por separado, encamiñáronse cara o pobo na busca de 10 elementos singulares…: un pozo, unha fonte, un cabaceiro… e sobre todo o famoso reloxo de sol que tantos dores de cachola deu a ambas patrullas: a patrulla Ardillas non foi quen de atopar, e si a Búfalos, aínda que con algo (moitísima) axuda dos veciños de Esgos. Tras rematar, a seguinte misión consistiu en debuxar un bosquexo da zona do albergue, onde desenvolverán gran parte das actividades, para coñecelo mellor e familiarizarse coa contorna.

Tras un descanso para merendar cada patrulla tería que por a proba a súa capacidade de improvisación e construír un vivac onde houbera espazo para todos os membros. Tras dúas duras horas de recollida do material necesario e de montaxe, os vivacs estaban listos (ou case), e tocou o momento da proba: a patrulla Ardillas conseguiu entrar toda no seu vivac sen capota, mentres que na patrulla Búfalos quedou un membro fora. Rapazada, non vale deixar a ninguén atrás!

Tras cear e coa caída noite pecha foi momento do xogo do asubío silencioso, onde unha persoa no centro dun círculo tiña que detectar, sen usar os ollos, aos que tentaban soprar o asubío que tiña colgando ás súas costas. Probáronse dous terreos de xogo, un supersinxelo nunhas pistas deportivas, e un supercomplicado no medio do bosque… aínda así, algúns conseguiron acadar o obxectivo. Parabéns para estes verdadeiros mestres do asexo.

Actividades-tropa-4

No día seguinte a Tropa tivo unha mañá adicada á orientación. Aprenderon a utilizar mapa e compás para poder chegar a calquera sitio pola súa conta. Por suposto foi unha sesión en maior parte práctica, así que ambas patrullas encamiñáronse a dous puntos diferentes da zona: os Búfalos foron cara un cemiterio ao norte, e as Ardillas cara unha fonte no sur. As Ardillas foron máis rápidas e chegaron a tempo, mentres que os Búfalos comezaron con mal pé e na volta decidiron facer unha pequena aventura campo a través… chegaron tarde, pero segundo eles foi moito máis entretido, polo que non hai mal que por ben non veña.

Pola tarde tocou sesión de talleres. En primeiro lugar fíxose un taller de aprendizaxe de nós, moi útil para facer construcións coma aqueles marabillosos vivacs. Así, esperemos que nas próximas construcións que fagan os nosos scouts sexan máis útiles e prácticas! Foi unha actividade moi novidosas para os nosos rapaces e gustou moito.

Despois realizaron un taller de código morse, valioso para comunicarse mediante sinais luminosas e sonoras a longa distancia. Aturaron moi ben o frío que xurdía a medida que o sol caía, logrando mandarse e descodificar unha chea de mensaxes entre ambas patrullas.

Na noite dimos un paseo pola zona mentres xogabamos ao vixiante. Un pouco de carreiras nocturnas, e a improvisar camuflaxes 🙂

Actividades-tropa2

O seguinte día a meteoroloxía non amenceu moi amigable. Estaba previsto un raid de orientación ata o mosteiro de San Pedro de Rochas, pero a alerta laranxa por vento e chuvia frustrou os nosos plans e nos mantivemos a cuberto no albergue. Desta maneira substituímos o raid por unha demostración tanto de habilidades teatrais coma dos nosos coñecementos sobre a Lei Scout, pasando un bo rato mentres aprendemos os principais valores do escultismo.

Pola tarde o tempo mellorou un pouco e puidemos saír a facer a ruta. Coma o tempo aínda era ameazante, por prudencia decidimos reducir a ruta e facela pola tramo máis curto. Como nos queda preto e en Esgos nos tratan tan ben voltaremos calquera día para abordar esta tarefa de exploración pendente.

Actividades-tropa-3

Aquí vemos como as Patrullas Bufalos e Ardillas, que adoptaron aos nosos inexpertos membros da Tropa fan uso, antes de emprender a ruta, dos seus berros de patrulla, que é un dos seus principais sinais de identidade e de espíritu de patrulla.

Lume

A lume de campamento, nome que recibe históricamente a velada que os propios rapaces e rapazas preparan e na que participaron todas as seccións en conxunto, tivo lugar no local social de Vilar de Ordelles que amablemente nos cederon na asociación de veciños. Aquí, a Manda, as patrullas e o Clan realizaron os seus concursos, xogos e probas, onde todos rimos e mesmo algún sufriu algunha pequena molladura. Entre xogo e xogo, tamén se entregaron os premios Quercus para todas as persoas do campamento, scouts e scouters, co nome da película que mellor lles representa.

Lume-de-campamento

Despedida

O derradeiro día tocou a recollida. Todos e todas adicámonos a recoller todo o material e limpar o albergue e a zona exterior. O fixemos tan ben e rápido que ata nos quedou un montón de tempo libre que aproveitamos xogando cun xogo que o Clan do Grupo Scout 19 preparou para explicarnos a orixes das augas termais de Ourense, que visitamos despois de xantar e onde gozamos dun baño quentiño e relaxante. Cousa que se agradece despois dun campamento tan intenso. Como broche final cantamos todos xuntos o “Adeus scout” como emocionante despedida antes de que as nosas amigas e amigos do Grupo Scout 19 do Ferrol subiran ao bus para voltar a súa casa. E agora, a cargar as pilas ata o seguinte!

Termas

De novo, agradecer ao Concello de Esgos por cedernos seu marabilloso albergue. Na visita que nos fixo D. Mario Rodríguez, alcalde da localidade, tivemos oportunidade de expresarlle o noso agradecemento facéndolle entrega das nosas respectivas pañolas, símbolo do noso compromiso social, e dun cadro cos nós máis representativos como mostra do traballo que facemos cos nosos rapaces e rapazas.

Todos


1 comment

  1. Xulio

    Foi un campamento xenial! Confío en que poidamos compartir máis actividades coas nosas amigas e amigos do Grupo Scout 19 Ferrol para seguir aprendendo e pasándoo ben! Foi unha magoa que xa rematara, pero o bo é que xa queda menos para o seguinte! 🙂

Leave a Reply

Your email address will not be published.