Grupo Scout ILEX 695

Grupo Scout laico en Ourense

Noso método educativo

O noso método educativo baséase na acción, a responsabilidade e a confianza. A través do tempo libre, formamos nenos, nenas, mozos e mozas en varios planos: social, psicolóxico, intelectual, emocional e espiritualmente.

SS26

O noso método educativo baséase en:

  • Educación en valores: O rapaz ou rapaza establece libremente un compromiso persoal ante os seus compañeiros e compañeiras, asumindo unha responsabilidade: social, persoal, ética…
  • Aprender facendo: A educación pola acción. A aprendizaxe faise a través da observación, a experimentación e a actividade persoal, permitindo aos participantes realizar accións por si mesmos e adquirir experiencias persoais. Ponse en práctica a educación pola acción mediante a aplicación da metodoloxía do proxecto: educación activa e emprego do xogo como oportunidade óptima de experimentar, aventurar, imaxinar, soñar, proxectar, crear e recrear a realidade.
  • A vida en pequenos grupos: O pequeno grupo socializa, identifica os seus membros cos obxectivos das actividades e permite afondar no coñecemento mutuo. Todo iso posibilita a participación, a aprendizaxe e a asunción de responsabilidades. Así se crea un espazo educativo e de confianza nun mesmo privilexiado para crecer e desenvolverse.
  • Coa axuda de adultos: A presenza dun adulto capacitado, que se incorpore á vida do equipo propoñendo, revelando e axudando a descubrir, facilita o diálogo e a cooperación, invitando ao grupo a producir o mellor de si mesmo.
  • A asunción de responsabilidades: A vivencia da participación en diversas actividades, asumindo responsabilidades consigo mesmo e co grupo, axuda ao establecemento dun compromiso persoal libremente aceptado, no que se basea o éxito do equipo.
  • A formación autoxestionada: O mozo participa no seu propio proceso de desenvolvemento, formando parte activa das diferentes etapas nas que se determina o Programa Educativo Scout.
  • Uns programas progresivos e atraentes: A presentación de técnicas atraentes que se aprenden executándoas, permite estimular o desenvolvemento das aptitudes, motivar unha futura vocación e colaborar na formación da persoa, achegando a seguridade que implica o manexo dunha destreza.
  • A variedade e os centros de interese: A través deles, os mozos relaciónanse co mundo, descobren as súas capacidades e as dos demais, o valor da cooperación e o espírito de equipo, descubrindo dun modo alegre o que xuntos poden facer.
  • O contacto coa natureza: O descubrimento da natureza estimula a creatividade, crea vínculos entre os membros do grupo, favorece a comprensión da vida en sociedade e permite valorar a vida sinxela e os ritmos naturais.

PG99

Leave a Reply

Your email address will not be published.