Sendeirismo pola Ribeira Sacra

 

O próximo fin de semana, 4 e 5 de xuño, desenvolveremos co Club Alpino Ourensán unha ruta de sendeirismo, unindo nunha mesma actividade deporte e aventura, e aproveitando para compartir experiencias entre asociacións ourensás. A actividade terá lugar no concello de Parada de Sil, na Ribeira Sacra e o canón do Sil, seguindo o percorrido do PR-G 98. Esta é unha actividade aberta así que podes convidar a participar a algunha amiga ou amigo.

Os destinatarios desta actividade son rapaces e rapazas de 8 a 14 anos, que se dividirán en dous segundo idades: os máis cativos, de 8 a 11 anos (Manda), realizarán 4 km o primeiro día e 6 o segundo, mentres que os maiores, de 12 a 14 anos (Tropa), no entorno dos 11 km cada día. Durante o percorrido visitaranse elementos do patrimonio natural e histórico como Fondo de Vila, Rabacallos, ou o Mosteiro de Santa Cristina, así como varios miradoiros e puntos de interese, como o foxo do lobo, Balcóns de Madrid e outros.

Haberá a ocasión de bañarse se o tempo acompaña. A pernocta será en tendas de campaña moi preto do pobo de Parada. Ademais da ruta de sendeirismo, tamén se realizarán outras actividades, coma a elaboración das comidas por parte de todos os participantes, xogos e dinámicas.

Ademais, aproveitaremos a espectacular paisaxe para rodar o que será un vídeo promocional da nosa entidade para o próximo ano, así que será unha oportunidade para descubrir os talentos e capacidade interpretativa das nosas rapazas e rapaces.

club alpino e grupo scoutLugar de saída:

Intercambiador de autobuses Ourense (rúa Mestre Vide), detrás do IES das Lagoas, un pouco por debaixo das zona universitaria. 42.345474, -7.856804

Horarios:

Hora de saída​: ás 10:00 horas do día 4 de xuño no punto saída. Por favor, sede puntuais para que poidamos facer toda a operación de saída (comprobación de datos, recollida de documentación, carga do bus, etc.)

Hora de chegada: Está prevista ás 19:30 horas da tarde do día 5 de maio, no mesmo punto que na saída. Se por calquera razón vos forades a demorar na recollida avisádenos con toda a antelación posible.

Ribeira-sacraEquipamento básico:

Durante a ruta os rapaces e rapazas cargarán coa súa mochila, polo que esta debe de estar adecuada e cómoda. A continuación tedes a lista de material recomendado que debe de levar (incluido o que deben de levar posto). Se tedes problemas con alguna destas cousas contactade con nós para ver se vos podemos axudar.

– 1 gorra

– 1 pantalón curto e outro longo tipo chandal

– 1 sudadeira ou chaqueta polar

– 2 mudas (roupa interior, calcetíns e camisetas)

– 1 botas de montaña (e calzado de sustitución por si se molla, unas zapatillas deportivas servirán).

– 1 saco de durmir

– 1 esteira aillante (temos moitas para prestar se alguén non ten)

– 1 cantimplora

– 1 lanterna

– Crema solar

– Impermeable

– Útiles de aseo

– Comida e merenda do primeiro dia

– Medicación, con indicación de posoloxía, se está a tomar algunha

– Bolsa de cantina: con plato, taza e cubertos (todo de metal ou plástico)

Documentación obrigatoria:

– Tarxeta sanitaria (+ recetas no caso de non ser SERGAS)

Autorización de participación debidamente asinada por nai, pai, titor, titora

Autorización de tratamento de datos e cesión de uso de imaxe (socios/as exentos/as)

Ficha médica (socios/as exentos/as)

Prezo:

– Socias/os de Grupo Scout ILEX 959, 10,00 €

– Socias/os de Club Alpino Ourensán, 10,00 €

– Non socias/os, 18,00 €

– O pagamento debe facerse, unha vez confirmado a súa praza, na conta ES17 3070 0043 0961 6861 4128 (Caixa Rural Galega) indicando o nome do participante no concepto da transferencia ou ingreso bancario.

O prezo inclúe:

– Transporte en autobús de ida e volta dende Ourense.

– Seguros de accidentes e responsabilidade civil

– Alimentación (cea do primeiro día, almorzo, xantar e merenda do segundo día).

– Equipamento de acampada e material de actividades.

Inscrición:
  • Os socios/as de Grupo Scout ILEX 959 non é preciso que cubran esta inscrición, basta con darlle aviso a calquera dos coordinadores a través dos canles habituais.
  • Os socios/as do Club Apino Ourensán ou non socios/as de nengunha das entidades promotoras deben de cubrir o seguinte formulario

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.