Un gran campa para un gran inicio
Xa estamos de volta. Despois do parón do verán, volvemos a poñer as mochilas ao lombo para dar o pistoletazo de saída á nova xeira. Nesta ocasión, o escenario elixido foi o Concello de Coles, onde vivimos unha fin de semana intensa para arrancar as actividades con moitas gañas.


Como é habitual no noso campamento de inauguración, o obxectivo principal era facer cohesión, acoller as novas incorporacións e, sobre todo, divertirnos. E vaya se o conseguimos. Todas as seccións do grupo realizaron as súas propias rutas, adaptadas ás idades e ao ritmo de cada unha, percorrendo camiños e descubrindo contornos que nos deixaron moi bo sabor de boca.

Novas patrullas e moita aventura na Sección Scout
Na Sección Scout, a rapazada arrincou o campa cun tema central: a aventura. Durante estes días, fixemos diferentes dinámicas e xogos para traballar as distintas etapas do escultismo, pero cunha particularidade: antes de comezar, dividimos a rapazada nas patrullas. Así, xa desde o primeiro momento, foron eles e elas quen de organizarse, repartir roles e comezar a funcionar como equipo.


Ao día seguinte, xa coas patrullas máis asentadas, fixeron unha mini ruta xuntos. Foi unha proba máis de que a aventura non entende de idades cando se comparte.




Unha acollida de dez
Unha das cousas que máis nos alegrou desta fin de semana foi ver como as rapazas e rapaces novos que se integraron este ano o fixeron sen problema ningún. Desde o primeiro xogo, desde a primeira ruta, quedaron completamente integrados no grupo. Iso é, ao fin e ao cabo, o que buscamos nestes campamentos de inicio: que ninguén se sinta fóra de lugar e que todos e todas sintan que xa forman parte desta gran familia scout.


Novas promesas
Se hai un momento memorable dos campamentos son o das novas promesas. Nesta ocasión as protagonizaron Pablo, da Manda e Sara da Sección Scout, quenes deron este importante paso con moita emoción.

E como peche un xantar coas familias, compartindo tamén unha actividade moi divertida, reforzando así a cohesión do noso colectivo, onde nais e pais son tamén unha peza clave para o bo funcionamento do grupo.

Agora toca seguir traballando e preparando as próximas actividades dos sábados. Pero, de momento, quedamos co bo sabor de boca deste arranque en Coles, coas pilas cargadas e coas amizades reforzadas.





