Continuamos defendendo os dereitos da infancia
O pasado 20 de novembro, con motivo do Día da Infancia 2026, un grupo diverso de entidades que traballan a prol da infancia na nosa cidade volveu xuntarse para celebrar esta efeméride. A cita foi no Espazo Xove de Ourense, a partir das 18:00, e nela participaron nenos, nenas e adolescentes das diferentes entidades convocantes.

Este ano, a celebración tivo ademais un acto central organizado pola Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), que se desenvolveu o xoves 19 na Universidade de Ourense. Aínda que non puidemos estar presentes nesa xornada, si quixemos sumarnos á celebración participando no encontro das entidades de POIG en Ourense, que se celebrou ao día seguinte.

Un encontro para escoitar e participar
Durante a tarde, a rapazada tomou a palabra para ler as súas demandas e reivindicar a importancia de que as súas opinións sexan escoitadas e tidas en conta. Entre as cuestións abordadas destacou o dereito á igualdade de trato e á non discriminación, sobre o que os nenos e nenas da Fundación Secretariado Gitano prepararon as súas propias peticións.

Ademais, os participantes tiveron a oportunidade de expresar as súas preocupacións, compartir propostas e participar nunha votación arredor dos seus dereitos, nun exercicio práctico de participación infantil e adolescente.

Esta iniciativa foi posible grazas ao traballo conxunto de oito entidades sociais e xuvenís: Asociación Xuvenil Amencer, Fundación Secretariado Gitano, Fundación Juan Soñador, Grupo Scout ILEX 695, Aventeira S. Coop, ASEIA, Fundación BAOQUIVI e Fundación Meniños.

A nosa representación
Por parte do noso grupo, estivo presente Sara Valentina, da Sección Scout, que acudiu acompañada pola scouter Emma. Xuntas participaron nas dinámicas e na lectura das demandas xunto co resto de rapazas e rapaces das entidades convocantes, facendo visible unha vez máis o compromiso do movemento scout coa defensa dos dereitos da infancia.

O movemento scout está fortemente implicado na celebración do Día Mundial da Infancia e comprometido na defensa dos dereitos das nenas e dos nenos. Por iso, desde o noso grupo scout seguimos apoiando este tipo de espazos onde a infancia e a adolescencia poden expresarse e onde as súas achegas son escoitadas. Porque os dereitos non poden quedar só nas palabras. É o momento de pasar á acción!




