O noso campamento de verán en Portugal

Do 25 de xullo ao 5 de agosto, as nosas mochilas volveron encherse de ganas de aventura para poñer rumbo a Chaves, en Portugal, onde vivimos un campamento de verán moi especial. Durante doce días tivemos a oportunidade de gozar da vida scout nun entorno diferente ao habitual, pero, sobre todo, de compartir parte desta experiencia cos scouts portugueses do grupo Escoteiros de Santo Tirso.

A primeira metade do campamento estivo marcada polo encontro co grupo dos Escoteiros de Santo Tirso. Durante varios días compartimos espazo, actividades, xogos, comidas e veladas, pero tamén algo moito máis importante: a nosa maneira de vivir o escultismo. Aínda que falabamos idiomas diferentes e cada grupo tiña as súas propias costumes e formas de organizarse, axiña descubrimos que había moitas máis cousas que nos unían das que nos separaban.

Primeira parte do campamento

Compartir o campamento con scouts portugueses foi unha oportunidade para vivir de preto a interculturalidade. Coñecer xente nova, descubrir outras costumes e aprender como se organiza e se vive o escultismo noutro país permitiunos ampliar a nosa visión máis alá do noso propio grupo.

Durante eses días tivemos que saír da nosa zona de confort, relacionarnos con persoas que non coñeciamos e atopar novas formas de comunicarnos. Os xogos, as actividades e os momentos compartidos fixeron que as diferenzas lingüísticas pasasen rapidamente a un segundo plano. Entre risas, conversas, cancións e moitas ganas de pasalo ben, fomos creando vínculos que fixeron que a despedida resultase moito máis difícil do esperado.

Ademais, coñecer como traballan outros scouts permitiunos comparar metodoloxías, descubrir novas dinámicas e comprobar que, aínda que cada grupo teña as súas propias tradicións, o espírito scout se vive dunha maneira moi semellante en lugares diferentes. A experiencia lembrounos que formar parte do movemento scout tamén significa pertencer a unha comunidade moito máis grande ca o noso propio grupo.

A despedida dos nosos compañeiros portugueses marcou o final desta primeira etapa do campamento. A marcha das nosas irmás e irmás portugueses, a Manda tarme regresou de volta a casa, xa que o seu campamento dura uns días menos, mentres que o resto do grupo continuamos uns días máis en Chaves para seguir gozando da nosa propia aventura.

Segunda parte do campamento

Coa saída dos portugueses comezou unha segunda etapa do campamento, esta vez centrada no noso grupo e na vida de cada sección. Aínda que o ambiente cambiou, continuamos aproveitando cada día para aprender, divertirnos e compartir novas experiencias.

Como é habitual nos nosos campamentos, cada sección tivo as súas propias actividades, adaptadas ás súas idades e intereses. A Esculta e o Clan aproveitaron estes días para poñer en práctica a súa autonomía e traballar en equipo. Entre outras actividades, prepararon unha barbacoa para todo o grupo, organizándose para que todo saíse adiante e, por suposto, desfrutando despois da comida xuntos.

A Sección Scout tamén tivo tempo para competir, rir e facer moitas actividades, entre elas unhas Guarrolimpiadas nas que participaron xunto co Clan, pasando unha tarde chea de xogos, probas e diversión.

Pero, se houbo algo que fixemos todos xuntos durante estes días, foi ir ao río. Practicamente todos os días buscabamos un momento para achegarnos á auga, refrescarnos e descansar despois das actividades. Era un dos momentos máis esperados do día e unha oportunidade para estar todos xuntos e desfrutar do entorno de Chaves.

Un campamento scout non se pode resumir só nas actividades. Tamén son as conversas durante as comidas, as cancións, as veladas e as actividades improvisados, todos eses pequenos momentos que acaban converténdose nos mellores recordos.

Por suposto tamén reservamos espazo nesta crónica para o que son algúns dos momentos máis emotivos, especiais e recordados como son as cerimonias de promesa nás que Dani, na Manda, e Hector e Sara, da Seccion Scout, fixeron público o seu compromiso cos nosos valores.

Chaves converteuse así nun espazo dun campamento dividido en dúas partes, pero unido por unha mesma idea: aprender, convivir e coñecer novas experiencias. Volvemos para casa coa mochila chea de novas experiencias, amizades e recordos que levaremos connosco moito tempo.

Aquí vos deixamos un videoresumo que fixemos desta experiencia estival inesquecible e que xa subimos ao noso perfil de instagram.

Ver esta publicación en Instagram

Una publicación compartida de Grupo Scout Ilex 695 ⚜️ (@gruposcoutilex695)