Grupo Scout ILEX 695

Grupo Scout laico en Ourense

Vivindo o Libro da Selva

Portada

O pasado 23 de marzo, a Manda, acompañada por Akela, Baloo, Bagueera, Kaa e Hathi, partían desde Ourense cara un recuncho máxico da natureza situado en Marantes, Sigüeiro, onde aprenderían durante tres días e dúas noites de acampada os principais valores scouts na compaña do Grupo Scout Chan 292, con máis de 40 años de experiencia, nun marco ambientado no Libro da Selva.

Tras a primeira toma de contacto, comezouse coas tarefas de limpeza da contorna e preparación da zona de acampada, onde lobatos e lobatas participaron activamente e con moita autonomía, deixándonos moi orgullosos dos seus avances.

A integración co outro grupo foi marabillosa, participando en todo momento coma unha única Manda aínda dividida en seixenas para unha maior funcionalidade. Seixenas, de 6 lobatos e lobatas cada unha, diferenciándose todas elas por cores. Así, xuntos, aprenderon a facer correctamente a súa mochila e levaron a cabo un rastrexo, coñecendo mellor a entorna na que estaban a acampar.

Collage1

Chegada a tardiña, e alternando xogos con cancións e outras animacións, levouse a cabo unha actividade SAME, mediante a cal os lobatos e lobatas sensibilizaron coa realidade e empatizaron coa vida de nenos e nenas do mundo, nunha viaxe no marco da educación que comezaba en Siria, pasaba por África e remataba na nosa terra, en Galicia. Así, puxéronse na pel dunha nena inmersa na guerra que non podía ir á escola, un neno soldado e un rapaz galego sumido na pobreza, sobrepoñendo os seus propios soños aos soños doutros nenos e nenas, que cos mesmos dereitos ca eles e elas, estes non lle eran recoñecidos.

Collage2

Tras unha velada conxunta e varias cancións, comezamos un novo día levando a cabo actividades por “rastros”, é dicir, niveles polos que os lobatos e lobatas han de pasar no seu tempo de permanencia na Manda, que marcan a súa evolución e desenvolvemento persoal. Dividíronse así en dous grupos, por un lado os nosos lobatos e lobatas, como rastros de Akela e principiantes neste camiño, e por outro os rastros de Baloo e Bagueera, ao que asistiron os rapaces e rapazas do Chan, máis experimentados.

Continuou o día cun agradable paseo, acompañado dunhas excelentes condicións climatolóxicas, chegando trala comida a actividade que máis éxito acadou entre os nosos rapaces e rapazas: a Caza. Ambientada nunha creativa historia creada polos nenos e nenas do Grupo Scout Chan, os e as scouters fixémonos pasar pola Tribu Hamburguesa namentres os lobatos e lobatas guiábannos nunha pintoresca viaxe polo espazo, por medio de tarefas cheas de creatividade, onde o principal obxectivo era experimentar a liberdade de crear o que sentiran. Os resultados foron incribles, descubrindo que na nosa Manda contábamos con grandes artistas.

Collage3

E así, dimos paso a unha cea onde nenos e nenas participaron na elaboración das súas propias hamburguesas. Un manxar exquisito para unha noite moi especial, onde coñeceríamos as estrelas e principais constelacións e celebraríamos o noso primeiro Consello de Rocha, algo que endexamais esqueceremos. Momento no que algunhas das nosas lobatas fixéronnos saber a súa vontade de facer a promesa scout, algo que proximamente verase cumprido.

Xa a día 25, cun novo e chuvioso amencer, procedeuse á recollida e avaliación Gif-caras2do campamento, cuns nenos e nenas encantados desta experiencia única que nos fixo introducirnos nesta tan importante evolución coma grupo, aprendendo doutros e enriquecéndonos da súa experiencia.

Rematado o campa, despedímonos destes pequenos monstruiños, que nos regalaron estas preciosas caras de alegría. Xa nos veremos pronto!


Leave a Reply

Your email address will not be published.