Mergullámonos na Natureza
As actividades en prol da defensa e conservación do medio natural son unha das premisas da nosa metodoloxía. Acorde con isto, a finais de xaneiro embarcámonos en dúas actividades de exploración e servicio en pleno contacto coa Natureza, nos arredores da cidade de Ourense, en colaboración con outras entidades e colectivos.
Para comezar, o primeiro sábado desprazámonos ata a zona de Palmés. Estes montes sufriron incendios no último verán, polo que coma bos scouts, útiles e serviciais, acudimos na súa axuda. E o nosa contribución foi unha repoboación forestal da zona.
Para elo contamos coa colaboración de voluntarios da asociación ecoloxista Amigos da Terra, e coa inestimable axuda de Xosé Santos, axente forestal e activista medioambiental. Atendemos a súas exhaustivas explicacións sobre a situación dos montes, coma foi a loita contra o lume e a mellor forma de reforestalos. Porque ademais de saber axudar, tamén hai que saber como facelo. E agora sabemos que hai que plantar castiñeiros e non eucaliptos.
Unha vez coñecida a teoría, pasamos á práctica. Repartidos en grupiños e desperdigados, sacho en ristre, plantamos arredor de medio centenar de árbores novas e sementamos centos de sementes. Un traballo arduo e duro, á vez que emocionante. Non faltou quen lle colleu gusto ao sacho e tratou de furar o solo ata chegar as antípodas.
Todo isto baixo ó intenso escrutinio das cámaras dos periodistas, que por moito que se repetise a frase “facede coma se as cámaras non estivesen”, a verdade é que nos fixeron sentir coma nun pase de modelos.
Finalmente chegou o momento de ir comer, e tras el o momento do cambio do pañola de 2 dos nosos máis preciados membros (je, coma se ningún fose preciado no grupo), Carolina, scout de Manda, e Dani, scouter de apoio. Noraboa!
E tras isto, volta a casa, ou non? Porque creo que non vos dixera que esta foi unha actividade de todo o día. Xa que estabamos na zona, pola tarde fixemos unha ruta interpretativa ata Outariz, pasando ao lado do Mosteiro de Santa Comba de Naves (onde paramos a xantar) e As Conchadas. Durante este paseo tivemos a oportunidade de apreciar fantásticas paisaxes, coñecer sitios e escoitar historias de habitantes do lugar.
E fin do día…
O seguinte sábado festexamos o Día Mundial dos Humidais. Os humidais, coma os scouts, proporcionan servicios imprescindibles: regulan o clima, os ciclos da auga ou mesmo son unha importante fonte de traballo e de economía sostible. Algo que moita xente descoñece.
Na súa honra, desprazámonos ata o encoro de Cachamuíña, Pereiro de Aguiar, moi preto da cidade de Ourense. Fixemos un roteiro polo Río Loña, organizado por Amigos da Terra e o Aula de Natureza do río Miño. Ademais tivemos o pracer de contar co naturalista Alberto Rivero, autor do blog Fauna Gallaecia, como guía, axudándonos a coñecer un pouco mellor a flora e a fauna deste espazo. Aínda que a idea principal era facer avistamento de aves, as condicións non foron propicias e non puido ser. Sen embargo, atopamos gran variedade de anfibios, réptiles e outros tipos animais, e atendemos ás explicacións dos nosos guías. Así, por exemplo, aprendemos como diferenciar unha ra dun sapo.
Por outra banda, non podía faltar a nosa paixón pola protección do medio ambiente. Así que durante o roteiro estivemos recollendo todo o lixo que nos atopamos polo camiño, chegando a encher un montón de bolsas.
Para rematar a xornada, seguimos coa ampliación de pañolas nos nosos pescozos. Por un lado Carla, scouter de Tropa, procedeu a facer o cambio de pañola. E por outra parte, Baloo, scouter de Manda, realizou a promesa scout e xa é un membro completo da comunidade scout. A primeira promesa do Ilex, momento histórico, que emoción! Tanta, que a pesar de ser unha gran osa, case nos sae voando polo aire.
E ata aquí as nosas máis recentes aventuras en campo aberto, gozando da Natureza e aprendendo dela. Non tardaremos en volver contigo, bonitiña.
Foron un par de xornadas moi entretidas e en pleno contacto coa Natureza. Foi moi estimulante saber que o que fixemos axudou, aínda que non fora moito, á conservación do noso patrimonio natural. Esperemos seguir facendo moitas máis no que queda de ano!
Sen duda foron dúas aventuras que tarde se borrarán das nosas retinas.
Grandes momentos nun entorno increíble e con un grupo de xente fantástica. Noraboa e benvida ao grupo os/as novos/as integrantes.
O grupo crece, noraboa.
Encantanme as ceremonias ,sempre moi emotivas.